Novas

08-01-2019 -

O Concello inicia o reparto do calendario municipal en comercio e hostalería

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, informou esta mañá de que o Concello vén de editar o calendario municipal para o 2019, do que se distribuirán ata 5.000 copias de xeito completamente gratuíto. Reparto que xa se iniciou estes días a través da Asociación O Cruceiro. Así, veciños e visitantes poderán recoller a publicación en comercio e hostalería locais. Ademais, Juan José Franco avanzou que a partir desta semana tamén estará dispoñible na casa consistorial e no departamento municipal de Promoción Turística.
08-01-2019 -

O pleno aproba os orzamentos para 2019

O pleno, en sesión extraordinaria, daba luz verde onte á tarde ós orzamentos municipais para o ano 2019. Unhas contas aprobadas inicialmente que agora se publicarán no Boletín Oficial da Provincia como paso previo á fase de exposición pública. O alcalde, Gumersindo Galego, destacaba o carácter social e inversor das contas, que ascenden a 11,8 millóns de euros, e medran respecto ás anteriores (un 10,90%), pese á rebaixa de tributos como IBI, rodaxe ou lixo aprobada para este ano. Así mesmo, destacou que son os segundos orzamentos dende a súa toma de posesión hai apenas nove meses, dando cumprimento á palabra dada e aprobando un documento que marca as liñas mestras da xestión municipal.
04-01-2019 -

Os Reis Magos visitarán Fene este sábado para atender as peticións dos máis pequenos da casa

Convidados polo Concello, as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán Fene este sábado para facer un percorrido polas rúas do municipio e compartir a tarde cos máis pequenos da casa. Atenderán as súas peticións e, preto da noitiña, partirán para iniciar o reparto de agasallos polos fogares do municipio.
03-01-2019 -

Concello e Aspaneps asinan o convenio de cesión de uso do local co que a asociación ampliará o seu centro ocupacional

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, e o vicepresidente da Asociación de Pais de Nenos con problemas psicosociais (Aspaneps), Juan Luis Dapena, asinaron esta mañá o convenio de cesión de uso, por espazo de 20 anos, dos locais 1 e 1ª sitos no Castro e de propiedade municipal. Un convenio que, tal e como detallou o rexidor, permitirá á entidade ampliar o seu centro ocupacional, aumentado o número de prazas públicas concertadas, e mellorar así a atención psico-social á infancia, familia e persoas con discapacidade intelectual.
03-01-2019 -

Entran en vigor as rebaixas dos recibos do IBI, recollida de lixo e rodaxe e dos servizos do cemiterio municipal

Dende o 1 de xaneiro os veciños e veciñas de Fene pagarán menos polos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI); Imposto de Vehículos de tracción mecánica (rodaxe) e pola Recollida de Residuos Sólidos Urbanos (lixo), así como polos servizos do cemiterio. Así será despois da aprobación en pleno da proposta de modificación das ordenanzas reguladoras que presentara previamente o equipo de goberno integrado por PP e Somos Fene. Modificación que a día de hoxe superou toda a tramitación administrativa, tras a publicación en boletín oficial e exposición pública.
02-01-2019 -

O Concello de Fene convida a nenos e maiores a patinar sobre xeo

A Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida inaugura esta tarde, a partir das 16,30 horas, unha pista de xeo sintética na pista polideportiva de San Valentín. Permanecerá aberta ata o vindeiro luns, 7 de xaneiro, coincidindo cos últimos días das vacacións escolares de Nadal, e o seu horario será de 16,30 a 20,30 horas.
02-01-2019 -

O Concello abre a preinscrición para participar na campaña de esquí da Deputación

O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida, vén de abrir o prazo de preinscrición na Campaña de Esquí da Deputación provincial da Coruña. Está dirixida a rapaces e rapazas de entre 11 e 15 anos, incluídos (cumplidos a 31 de decembro de 2019), e ofrece cursiños, estancia e manutención na estación invernal de Cabeza de Manzaneda. No caso de Fene, correspóndenlle oito prazas para a quenda do 15 ó 18 de febreiro. Para participar é preciso formalizar a preinscrición no departamento de Cultura e Deportes –Avenida Naturais, 44, entrechán-, dende hoxe, día 2, e ata o 10 de xaneiro, de luns a venres de 9,30 a 13,30 horas. Os mércores 2 e 9 de xaneiro tamén se recollerán preinscricións de 16 a 18 h. Será preciso achegar un volante de empadronamento no Concello de Fene e cubrir a correspondente ficha.
28-12-2018 -

Máis de 600 persoas tomarán parte este sábado na VI San Silvestre de Fene

Un total de 601 persoas inscribíronse na VI edición da Carreira e Andaina de San Silvestre que organiza mañá sábado a Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida. Unha cita que congregará a veciños e veciñas de todas as idades para despedir o ano facendo deporte.
28-12-2018 -

Os Reis Magos buscan paxes en Fene

As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente están a reclutar paxes reais en Fene para que os acompañen no seu percorrido polo municipio. Así, convidan a todos os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos a participar na Cabalgata que organiza o Concello, a través da Concellería de Cultura.
27-12-2018 -

Ramón Loureiro presenta en Fene a súa última novela “Al Rey de los Ángeles”

O Concello de Fene convida a veciños e veciñas a tomar parte este sábado, a partir das 12 horas, na presentación de “Al Rey de los Ángeles”, a última novela do prestixioso xornalista e escritor Ramón Loureiro, editada por Hércules de Ediciones. Un acto que se celebrará no CMI Unidade de Fene, con entrada libre, e organizado pola Concellería de Promoción Turística.