Fene ao día

Novas

  • Queres participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico "Curuxa do humor 2020"?

    O Concello de Fene vén de aprobar as bases dunha nova edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” aínda que, por mor da suspensión de prazos para a tramitación de procedementos administrativos, polo de agora non se poden publicar as mesmas na Base Nacional de Subvencións nin o extracto no Boletín Oficial da Provincia, trámites necesarios para completar o procedemento e “abrir” oficialmente o prazo de presentación de obras. Malia todo, dende a Concellería de Cultura anímase aos/ás debuxantes a que vaian preparando os seus debuxos. As obras só poderán enviarse unha vez estea normalizada a situación e se poidan publicar as bases na B.N.S. e no B.O.P., cuestións das que se informará a través da páxina web do Concello de Fene e das distintas redes sociais do Museo do Humor. 

  • O Concello reforza a área de Servizos coa contratación urxente de catro peóns e un tractorista

    O Concello de Fene acaba de aprobar mediante resolución da alcaldía a contratación de cinco operarios -catro peóns e un peón tractorista- para reforzar os labores de limpeza viaria e hixiene pública que se están desenvolvendo en todo o territorio municipal dentro protocolos de contención do coronavirus. Esta contratación faise por un período de dous meses e tirando dos aspirantes que figuran nas bolsas de contratación de 2017, prorrogadas con carácter extraordinario a través da mesma resolución. Os cinco traballadores incorporaranse de inmediato á brigada de Servizos. Porén, tal e como se puntualiza desde a Concellaría de Persoal, o Concello retomará o actual proceso de actualización das bolsas -iniciado o pasado mes de marzo e interrompido neste momento- tan pronto como se levante o Estado de Alarma.
    Tal e como se detalla no informe técnico da Secretaría municipal, "aínda que a principios de marzo do 2020 se iniciaron os trámites para a elaboración de novas listas, no actual contexto de crise sanitaria non resulta posible o desenvolvemento dos correspondentes procesos selectivos que garantan o debido cumprimento dos principios de acceso ao emprego público", entre outras razóns porque a aplicación do Estado de Alarma interrompeu todos os prazos administrativos, incluído o da presentación de instancias para participar no citado proceso de actualización das listas.
    Esa foi a razón que levou ao Concello a prorrogar a vixencia das listas anteriores, as de 2017, de maneira que hoxe mesmo puido empezar a facer os chamamentos para a cobertura de catro prazas temporais de peón e unha de peón-tractorista. O seu labor durante os próximos 60 días será o de traballar na limpeza de vías e espazos públicos, na recollida do lixo e na roza da rede de estradas municipais, ademais doutros traballos que esixan as circunstancias actuais.
    Así o xustifica o informe técnico, onde se incide en que "debido á situación de emerxencia sanitaria" está producíndose unha acumulación de tarefas "derivada da necesidade de levar a cabo limpezas e desinfeccións máis continuadas nos espazos públicos". Por outra banda, as contratacións urxentes tamén estarían xustificadas no mantemento dos camiños públicos para non comprometer a seguridade viaria.
    Considera a resolución municipal que todos estes servizos "son esenciais para a cidadanía" e que a súa prestación "debe garantirse" por medio da contratación de persoal que, ademais, tamén atende á cobertura "dunha importante merma de efectivos nestes servizos debido a baixas e vacantes".
    Desde a área de Persoal insístese na excepcionalidade da medida e tamén no seu carácter temporal. De feito, a prórroga das listas só se manterá mentres dure a situación de Estado de Alarma e os contratos formalizaranse por un período máximo de 2 meses como prazo prudencial en que se agarda que as cousas volvan á normalidade. Unha vez que se suspenda o Estado de Alarma retomarase o proceso selectivo iniciado en marzo para elaborar unhas novas listas, ás que se acudirá para formalizar os contratos que sexan necesarios para o normal funcionamento do Concello.

  • Visita virtual á exposición "Mundos etéricos" de Rosa Salanova

    Perante a necesidade de restrinxir o contacto entre as persoas e co obxectivo de salvagardar á cidadanía dun posible contaxio do COVID-19, o Museo do Humor de Fene permanece pechado dende o pasado 13 de marzo. Como tamén permanece pechada ao público a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura onde penduran dende comezos deste mes de marzo os cadros da exposición “Mundos etéricos”, da pintora fenesa Rosa Salanova Shakti. Se ben a ameaza do coronavirus impide, polo de agora, visitar a exposición físicamente, afortunadamente a tecnoloxía nos permite facelo virtualmente. Agardamos que desfrutedes desta visita.

Ver máis

Axenda