14 de xullo de 2010
A Concellaría de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade dos Servizos Sociais Municipais, organiza un curso formativo en materia de igualdade dirixido ao persoal político municipal.
A primeira das áreas temáticas que conforman o II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Fene, aprobado o pasado ano, é a da Integración da perspectiva de xénero nas políticas públicas e na administración municipal. O obxectivo principal desta área de actuación é o de Promover a integración gradual da perspectiva de xénero, o que se coñece co nome de mainstreaming de xénero, no concello: na súa organización xeral, nas súas estruturas e procedementos administrativos e en todas as políticas públicas municipais.
Esta actividade dirixida á corporación municipal consta dunha formación básica xeral e outra formación máis especializada que aborde a igualdade en diferentes ámbitos (educación, saúde, emprego, deporte, benestar social, violencia de xénero, etc.).
Máis adiante desenvolveranse outros dous cursos na mesma liña, un dirixido ao persoal técnico e administrativo e outro ao persoal de seguridade: policía local e protección civil.
Deste xeito, apóstase por unha xestión municipal que contemple a perspectiva de xénero en todas as súas concellarías e departamentos e repercuta de xeito positivo nas políticas municipais.
O curso desenvolverase en horario de mañá o mércores e xoves, 14 e 15 de xullo, e está pendente de subvención por parte da Secretaría Xeral de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia.
Aviso legal | Accesibilidade | RSS
Concello de Fene. Avda do Concello s/n. Teléfono 981 492 707
© Fene Cidadán 2006